Egeria e Política Lingüística completan o percorrido da mostra Aquela nena de Sarria, que pode verse na Rede

martes, 1 de xuño do 2021 S. P.

O proxecto impulsado polo colectivo Egeria e Política Lingüística para homenaxear á poeta Xela Arias nesta festa do 17 de maio, a mostra Aquela nena de Sarria, visíbel en formato físico e en formato online, vén de completar o seu percorrido coa publicación dun libro co mesmo título. A obra presentouse este 31 de maio na Casa da Cultura da dita vila luguesa nun acto que contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. A exposición puido verse en diferentes centros culturais e docentes da nosa terra e máis na web monográfica www.aquelanenadesarria.gal.
O secretario xeral destacou o proxecto “pola amplitude, tesón e esforzo dos seus promotores, que contribuíron a que a figura, a vida e a obra de Xela Arias tivesen presenza e se desen a coñecer fisicamente, en máis de 40 espazos expositivos de Galicia a través dunha mostra, e tamén dixitalmente por medio web monográfico aos que agora lle pon o ramo esta publicación que conta coa participación de moitas das persoas que mellor a coñeceron a ela e á súa poética”.
Primeira das mostras en homenaxe a Xela Arias
Aquela nena de Sarria, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co idioma galego e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Complétase con poemas dirixidos a Xela por alumnos e alumnas dos institutos sarriáns Xograr Afonso Gómez de Sarria e Gregorio Fernández, por poetas locais, así como de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou e ata un conxunto de Vilariñas, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu ano.
Dispoñíbel dende a web de seu e, tamén, desde o Portal da Lingua Galega, inclúe fotografías facilitadas pola familia de Xela e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo.

PUBLICIDADE