Egatel, Zarpamos e The Glass Concept reuniron a medio cento de empresarios na Tecnópole

luns, 21 de xaneiro do 2013 Redacción

Manuel García, de Zarpamos, nunha intervención durante a primeira edición galega de Betabeers

O pasado venres 18 de xaneiro o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole daba acubillo a unha xuntanza na que medio cento de empresarios galegos contactaban entre eles grazas ao chamado speed dating (ou ’’citas rápidas’’). O encontro en cuestión era amañado por Galicia en Coworking, sendo o cuarto a celebrar deste tipo na nosa Comunidade. Abrían esta reunión tres emprendedores galegos (de Ourense, A Coruña e Pontevedra) para compartir a súa experiencia coa innovación como eixo central. Así, Javier Taibo -director xeral de Egatel (a primeira empresa da Tecnópole ourensá)- contaba como a súa traxectoria se viu beneficiada polo Parque Tecnolóxico de Galicia.
Apuntaba Taibo que Egatel -dedicada ao deseño, desenvolvemento e fabricación de equipos de transmisión de radio e TV dixital- está a vivir un proceso de internacionalización con moi bos resultados.
Outro dos participantes desta cita foi Manuel García -cofundador de Zarpamos- quen falou da súa empresa, que actúa desde A Coruña como aceleradora de proxectos emprendedores baseados en internet para emprendedores. García subliñou a importancia da colaboración, xa que eles se dedican a dar soporte aos emprendedores dende a incubación da idea até a busca de financiamento.
Tamén estivo presente na Tecnópole Lola Palacio -fundadora de The Glass Concept- quen informou aos asistentes sobre o seu produto, unha evolución das lousas convencionais pero en vidro e con propiedades magnéticas para escribir, fixar papeis, retroiluminalas e facer proxeccións sobre elas. Dicir que este enxeño, deseñado e fabricado desde Pontevedra, conta xa con clientes como Apple ou Starbucks.
Logo destes relatorios, as/os participantes comezaron a fase de speed dating con até 15 reunións de sete minutos cada unha. Engadir que os asistentes xa levaban a súa axenda configurada, pois con anterioridade tiñan elixido aos profesionais que lles interesaba coñecer.

PUBLICIDADE