Educación reforza a dimensión dinamizadora e dixitalizadora dos Clubs de Lectura

martes, 7 de setembro do 2021 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación ampliou a convocatoria dunha das ferramentas que máis contribúe a estender no ámbito docente o uso das novas tecnoloxías da información: os Clubs de Lectura. A ampliación materializouse coa inclusión da etapa de Primeira e cunha duplicación do orzamento. En total, serán 400.000 euros os que se destinen a este programa, fronte aos 200.000 de 2020. O ano pasado chegou a 213 centros escolares da nosa xeografía e a arredor de 10.100 participantes.
O obxectivo é “estender os beneficios destes grupos aos máis novos, no marco das bibliotecas escolares, logo dos éxitos acadados nos clubs de lectura do ensino secundario, e reforzar, deste xeito, o papel desta ferramenta na creación e consolidación de hábitos lectores así como no desenvolvemento das competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística...)”.
Segundo explica a Consellería, os Clubs de Lectura son grupos de dinamización que non se centran só en promover as vantaxes de ler libros, senón que tamén impulsan competencias clave para a vida, familiarizan aos escolares con espazos de convivencia e de educación cidadá e, tamén, facilitan a súa incorporación á lectura dixital co uso dos novos dispositivos de lectura. De feito, contribúen claramente a integrar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC) de forma natural nas súas actividades (blogues, vídeos, booktrailers, redes sociais, presentacións etc.).
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 15 de outubro. Poderán solicitar participar neste programa os centros de Primaria, ESO, Bacharelato e ensinanzas de réxime especial que inclúan un Club de Lectura na programación de actividades da biblioteca escolar ou conten con profesorado que pretenda poñelo en marcha con alumnado e outros membros da comunidade escolar en tempos de lecer ou horario extraescolar.

PUBLICIDADE