Educación lanza nos centros docentes un concurso de podcast sobre a nosa cultura

luns, 8 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A Consellería de Educación quere estimular a creatividade do noso alumnado en materia de contidos dixitais de radio. Nesta liña insírese a primeira edición do Concurso de Podcasts, que se dirixe aos centros educativos públicos que participan no programa Radio na Biblio ou que conten con emisora de radio escolar. O certame, organizado en colaboración coa Radio Galega, quere ir alén de alentar o talento da rapazada: quere que as contribucións que concorran no concurso tamén sirvan para difundir o patrimonio cultural galego. De feito, o concurso é unha acción complementaria do Día das Letras Galegas e da celebración de Antón Fraguas, estudoso da cultura galega.
Por este motivo, a temática dos podcast deberá ser o patrimonio material ou inmaterial de Galicia, buscando ligazóns coa contorna de cada centro educativo. Ao mesmo tempo, a Consellería de Educación busca mostrar o traballo que se fai nas bibliotecas escolares arredor da radio. Trátase de converter estes espazos en “laboratorios creativos de aprendizaxe”, xa que “son unha ferramenta de gran potencial pedagóxico no reforzo das prácticas comunicativas do alumnado e da súa motivación para participar en proxectos colaborativos nos que se traballan distintas habilidades”, engádese.
Establécense catro modalidades (alumnado de Infantil e 1º e 2 de Primaria, de 3º a 6º de Primaria, de Secundaria e, por último de Bacharelato, ensinanzas de persoas adultas e FP) e en cada unha delas seleccionaranse os dous mellores podcast. Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación de 1.000 euros para melloras no equipamento e infraestrutura do laboratorio/emisora de radio, que deberá ficar ligado á biblioteca. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en San Marcos para coñecer o traballo real nun estudo de radio.
Os podcast premiados serán emitidos pola Radio Galega, ademais de ser difundidos a través da súa web e da canle dixital do Diario Cultural. Amais, emitiranse entrevistas coas gañadoras e gañadores na programación especial da emisora co gallo do Día das Letras Galegas.
O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 30 de abril de 2019. Os centros interesados en participar poderán enviar entre 1 e 3 arquivo dixital de son, cunha duración mínima de 3 minutos e máxima de 5. O arquivo sonoro, en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un boletín d enovas, un faladoiro, un debate, un monográfico, ou o outro tipo de programa “sempre e cando estea realizado en lingua galega”.

PUBLICIDADE