Educación impulsou a formación TIC de preto de 800 docentes

luns, 10 de maio do 2021 S. P.

Arredor de 800 docentes participaron este fin de semana nunha xornada formativa sobre educación dixital a través dun encontro virtual que serviu para avanzar na mellora de coñecementos e competencias TIC e, tamén, de punto de encontro para o intercambio de experiencias e boas prácticas arredor deste ámbito de transformación. Na xornada, impulsada pola Consellería de Cultura e Educación, amén se compartiron metodoloxías para axudar ao profesorado á incorporación destas tecnoloxías no seu día a día.
O conselleiro Román Rodríguez, aproveitou a apertura da xornada (intervindo telematicamente desde a Aula Nova do Centro de Autonómico de Formación do Profesorado, CAFI) para agradecer persoalmente o compromiso dos profesores galegos coa mellora da súa carrel a través da actualización constante dos seus coñecementos e destrezas, e que despois trasladan ás aulas cos alumnos. Loou, ademais, o sobreesforzo engadido no seu labor diario nun curso marcado pola pandemia.
Segundo dixo, tan só nos últimos meses máis de 30.000 docentes participaron nalgunha das accións formativas en competencias dixitais ofertadas pola Consellería, como a de Educación Dixital celebrada este fin de semana.
Amais, engadiu que na última década as accións programadas centráronse principalmente no ámbito lingüístico (pola extensión do ensino plurilingüe), así como en materia de convivencia e inclusión, en igualdade e en competencias STEM e no eido dixital, a raíz da implantación do E-Dixgal.
De cara aos vindeiros anos, anunciou que o seu departamento vai poñer o foco (especialmente) na formación tecnolóxica, que se vai materializar en accións como a dotación de espazos argalleiros de creatividade (maker) e polos creativos nos centros escolares, ou a través da implantación da Intelixencia Artificial en todas as etapas educativas.

PUBLICIDADE