Educación e o CPEIG volven xuntar forzas nunha edición de Navega con rumbo
luns, 2 de outubro do 2023
O
conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román
Rodríguez, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia, Fernando Suárez, asinaron este luns 2 de
setembro o convenio de colaboración para desenvolver durante o
presente curso escolar a nova edición do programa Navega con
rumbo, que chegará a 240 centros educativos de toda a xeografía
galega.
Esta
colaboración, que xa vai pola súa duodécima edición, enmárcase
na aposta da Xunta de Galicia por “avanzar na transformación
dixital da educación tendo en conta como unha das prioridades o uso
seguro e responsábel das novas tecnoloxías”, obxectivo tamén
compartido polo colexio.
A
iniciativa diríxese ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO
e 1º de FP Básica, para guiar aos estudantes cara unha navegación
segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o
ciberacoso ou outros riscos da Rede. Por outra banda, faise partícipe
a profesorado e familias das recomendacións
que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o
alumnado.
Ao
abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática
levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en
colexios e institutos.
Ademais,
o programa dispón dunha
páxina web asociada ao proxecto e unhas guías de boas prácticas
en Internet dirixida ao alumnado, proxenitores ou titores, e ao
profesorado accesíbeis tanto en soporte dixital como en formato
impreso nos propios centros escolares.
Desde
que se puxo en marcha, a través do Navega con rumbo leváronse
a cabo máis de 2.000 accións formativas.