Educación convoca axudas para a aplicación das TIC nos centros de ensino galegos

martes, 20 de maio do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar, a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte, un total de 54 premios á innovación educativa para profesorado e centros públicos galegos de ensino non universitario. O devandito departamento investirá 87.500 euros nesta iniciativa coa que quere recoñecer aquelas experiencias innovadoras que se están a desenvolver nos centros educativos galegos e que supoñen unha mellora da calidade do ensino.
Educación convocará, polo tanto, galardóns en catro modalidades diferentes, unha das cales corresponde a proxectos de centros, que engloba o plan anual de lectura, plan de convivencia, plan de introdución ás tecnoloxías da información e comunicación (TIC), e plans que recollan medidas organizativas e curriculares para a escolarización de alumnado procedente do estranxeiro.
Esta modalidade está dirixida aos centros educativos públicos de ensino non universitario que teñan realizado o proxecto educativo no curso 2007/08.
O prazo de presentación de solicitudes para tódalas modalidades comeza hoxe martes, 20 de maio, e remata o vindeiro 15 de setembro de 2008.

Innovando na aplicación didáctica das TIC
A Administración educativa convocou ademais axudas para a realización de 10 proxectos de innovación educativa, que se desenvolverán no curso 2008/09, para a realización de experiencias que permitan innovar e mellorar a calidade da educación mediante a aplicación pedagóxica e didáctica das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) ao proceso educativo. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do venres, 16 de maio de 2008.
Poderán participar na convocatoria os centros públicos de ensino non universitario da Comunidade galega que presenten proxectos de intervención pedagóxica baseados no uso das TIC para validar modelos de ensino-aprendizaxe que fomenten o tratamento das competencias básicas a partir dun uso significativo das TIC no currículo. Estes proxectos deberán incluír cambios significativos nos roles tradicionais do/a profesor/a e do alumnado; cambios na metodoloxía e estratexias didácticas; cambios nas estratexias e recursos da avaliación; e incorporación de temas e contidos vinculados cos intereses próximos do alumnado ou relevantes na sociedade actual.
Os centros que resulten seleccionados recibirán da Consellería de Educación unha dotación económica de ata 2.000 euros para a posta en marcha do proxecto; unha dotación material que incluirá ata un máximo de 10 ordenadores portátiles, un encerado dixital e un canón de proxección; asesoramento para o profesorado do centro para un mellor aproveitamento dos recursos informáticos e da súa incorporación á docencia; acceso ao espazo web da REDE TIC para facilitar a creación e organización de materiais e recursos educativos por medio das TIC; e a difusión das experiencias a través da rede e publicación dos materiais educativos producidos a través do portal galego de contidos educativos.
Esta iniciativa recolle a política da Consellería de Educación para “favorecer o acceso e emprego das tecnoloxías da información e a comunicación, en igualdade de condicións para toda a poboación escolar e o apoio ao desenvolvemento docente, nas vertentes pedagóxica e didáctica, que demanda novos perfís profesionais que supoñen un desafío constante e crecente cara o concepto da aprendizaxe ao longo de toda a vida”. O propósito final desta convocatoria é que o alumnado aprenda a pensar, a convivir, e adquiran unha formación ética e un coñecemento global e contextualizado dos temas de ensino a través do emprego das TIC.

PUBLICIDADE