Educación completa o EspazoAbalar con 60 novos recursos dixitais

luns, 9 de maio do 2011 Raquel Noya

A plataforma online EspazoAbalar, creada para fomentar a participación e a comunicación en rede de toda a comunidade educativa galega, está (e debe estar) en permanente evolución, e como tal, a consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o ente encargado da súa posta en marcha e mantemento, vén de incorporar 60 novos recursos ao seu Repositorio de Contidos dixitais.
Xa que logo, con esta recente incorporación, o arquivo achégase aos 800 contidos en liña, que están a disposición de tódolos membros da comunidade educativa (formen ou non parte do Proxecto Abalar) para a súa consulta e uso, tanto nas aulas como en calquera outro lugar con acceso á Rede. De feito, tal é a utilidade do devandito arquivo virtual que, dende a súa posta en marcha a finais do pasado ano, a comunidade internauta xa realizou máis de 60.000 descargas.
Nese tempo, asemade, o espazoAbalar recibiu máis de 85.000 visitas, que a ben seguro se incrementarán cando nas vindeira semanas “se poña a disposición dos usuarios unha versión que incorpora novidades funcionais e técnicas”, anunciaron.
Deste xeito, afirman, “haberá un novo espazoCentros, que lle permitirá aos responsables do centro educativo enviar comunicacións ás familias e ao profesorado”.
Tamén esta previsto que se poidan incluir vídeos, unha funcionalidade que, segundo Educación “estrearase cun videotitorial sobre a montaxe do encerado dixital e o canón proxector, que ademais incluirá recomendacións de mantemento”.
As outras novas funcionalidades que en breve permitirá o EspazoAbalar, van dende a ampliación das posibilidades das seccións de novas e contidos, a subscrición mediante RSS ás novas da web e un apartado de Preguntas Frecuentes (FAQ) dende o que se resolverán as dúbidas e preguntas que xurdan en torno ao espazo.

PUBLICIDADE