Educación activa a 3ª versión do espazoAbalar con novas funcionalidades e servizos

luns, 6 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Os usuarios e usuarias do espazoAbalar da Xunta, a plataforma de recursos educativos dixitais para primaria e secundaria que contén un catálogo de máis de 800 recursos para usar de balde, atopáronse esta mesma mañá con novas funcionalidades e servizos dispoñibles na web, ao ter activado, por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, a terceira versión da web, compatible agora coas novas canles 2.0.
Con esta actualización, ámbolos dous organismos buscan incrementar a eficacia dos servizos educativos, desenvolver as TIC no ámbito do ensino e fomentar a participación e motivación do alumnado a través das ferramentas virtuais que usan máis a miúdo, como son as redes sociais Facebook, Twitter e Youtube.
Ao mesmo tempo, segundo afirman, con esta ferramenta pretenden loitar contra o fracaso escolar,
a través dun seguimento continuado por parte das familias dos resultados académicos e do comportamento do alumnado.
Desta maneira, a terceira versión do espazoAbalar inclúe apartados dedicados por separado ás Familias, ao Profesorado e aos Centros, así como novas guías elaboradas especificamente para aprender a navegar por cada un destes ámbitos: Guía de familias, Guía para o profesorado e Guía para Centros; este último ten como finalidade dar a coñecer detalladamente as posibilidades e a información que se pode consultar desde o espazo Centros.
Asemade, os pais, nais e titores legais dos escolares poderán seguir realizando as accións de seguimento que xa viñan facendo ata agora a través do espazo Familias, porén con esta nova actualización, os responsables dos rapaces poderán realizar un seguimento máis exhaustivo da vida académica dos seus fillos.
Desta maneira, alén da vida escolar dos seus fillos, os pais, nais e titores poderán xustificar as súas faltas de asistencia, solicitar citas de titoría en liña, coñecer as incidencias máis relevantes e os avisos que afecten ao grupo de alumnos ao que pertenzan, consultar o horario do alumnado, as faltas de conduta e as cualificacións de cursos académicos anteriores, entre outras cousas.
Outra das novidades do novo espazo é o apartado Experiencias Aulas 2.0, no que a comunidade educativa pode compartir as experiencias TIC que desexe cos demais usuarios, así como o apartado Blogs Abalar, con diferentes microespazos pensados para que neles flúa a comunicación e interacción da comunidade educativa.
Finalmente, o repositorio de contidos educativos mellora nas súas posibilidades de busca, permitindo agora filtrar entre datas e tipo de recurso desexado.
Para facilitar máis, se cabe, esta procura, na pantalla principal da ferramenta reflíctense os recursos máis accesibles, así como os máis descargados e recomendados por outros usuarios.

PUBLICIDADE