Educación achegou á comunidade escolar galega 27.000 computadores en 2006

luns, 18 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

A Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, vén de facer reconto das actividades postas en marcha en 2006 para inserir o emprego das novas tecnoloxías da información na feitura e máis no contido do ensino en Galiza. É dicir: para poñer en valor a informática como método de aprendizaxe e como aprendizaxe en si mesma.
Segundo apuntou a titular deste departamento da Xunta en rolda de prensa, este ano que xa remata púxose a disposición da comunidade escolar un total de 27.000 computadores: 17.000 enviados directamente ós centros e 10.000 ós fogares dos nenos por medio de axudas dirixidas ás familias. Educación, que asumiu o reto para 2007 e 2008 de distribuír e habilitar 55.000 equipos máis entre a comunidade educativa, quere con estas e outras medidas semellantes que os 1.800 centros públicos da nosa terra conten con todo o necesario para facer das novas tecnoloxías da información un instrumento de mellora na aprendizaxe.
Cómpre sinalar que o orzamento para o ano en curso no que se refire a estes equipamentos foi de 16 millóns de euros e que, ademais dos ordenadores, estanse a facilitar preto de 1.000 impresoras láser, 1.000 proxectores multimedia e 350 pizarras dixitais.
No que se refire á distribución de material por tipo de colexio, a Consellería de Educación manifestou que un Instituto de Educación Secundaria (IES) tipo poderá recibir 13 PC’s de sobremesa, 4 ordenadores portátiles, unha impresora láser de rede e un proxector multimedia.
Pola súa banda, un Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) con máis de 8 unidades equiparase con 10 PC’s; unha impresora láser; un ordenador portátil; e un paquete formado por un ordenador portátil, un proxector multimedia e unha pizarra dixital, no caso de que non conte xa con este equipamento. Cos Centros Públicos Integrados (CPI) e restantes centros educativos farase un esforzo parello, segundo apuntou este departamento da Xunta.

PUBLICIDADE