Eduard Martín, CIO da Fundación Mobile World Capital Barcelona, recibirá o premio Traxectoria Profesional do CPEIG

martes, 9 de maio do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai entregar o Premio Traxectoria Profesional ao enxeñeiro en informático Eduard Martín “pola súa traxectoria de máis de 30 anos liderando iniciativas e proxectos en organizacións de vangarda, de carácter público e privado, e polo seu traballo incansábel na defensa da profesión de Enxeñaría en Informática, como se demostrou, por exemplo, co seu posto de decano ao fronte do Col·legi Oficial d’’Enginyeria Informàtica de Catalunya”. O galardón concederase na XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.
Eduard Martín Lineros (Barcelona, 1965) é CIO (responsábel dos sistemas e das tecnoloxías da información) e director de Conectividade Intelixente da Fundación Mobile World Capital Barcelona desde xaneiro de 2019, onde impulsou o Observatorio Nacional de 5G, a iniciativa 5G Barcelona e os proxectos tecnolóxicos da Mobile World Capital Barcelona. “O obxectivo é converter Barcelona, Cataluña e España nun dos hubs dixitais máis importantes do mundo. Impulsamos a evolución, a despregadura e desenvolvemento da tecnoloxía 5G para mellorar a calidade de vida das persoas”, expilca.
Eduard Martín é enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico en Informática de Sistemas pola Universitat Oberta de Catalunya (UOC), e diplomado en Tecnoloxías da Información por Cambridge (UCLES). Posúe un certificado en xestión da innovación pola IESE Business School e conta cunha experiencia de máis de 30 anos no sector TIC, tanto no ámbito público como no privado.
Con relación a súa traxectoria profesional, Martín traballou durante máis de 27 anos para o Ayuntamiento de Barcelona, sendo finalmente director de Innovación, Sociedade do Coñecemento e Arquitecturas TIC. Máis tarde, incorporouse a Sopra Steria, unha consultora internacional enfocada na transformación dixital, na que ocupou o cargo de director de Cidades Intelixentes e Estratexia para o sector público durante dous anos alternando esta actividade coa de profesor colaborador en varias universidades (Universitat Oberta de Catalunya, Universitat Politècnica de Catalunya e Universitat de Lleida). Ademais, foi decano do Col·legi Oficial d’’Enginyeria Informàtica de Catalunya desde abril de 2016 ata abril de 2023 e, actualmente, é presidente da Asociación de Profesionais das TIC de Cataluña, entre outros cargos de importancia en asociacións profesionais.

PUBLICIDADE