Economía potencia con tres programas a internacionalización das nosas PEME pola vía das TIC

mércores, 29 de xaneiro do 2020 Redacción

A Consellería de Economía deu a coñecer hoxe novos e importantes apoios para as empresas galegas que na procura de novos mercados. Este mes, o departamento que dirixe Francisco Conde activou tres liñas de axudas cun orzamento de 11,2 millóns de euros, un 40% máis que na anterior convocatoria. O obxectivo é que 1.200 PEME “poidan acceder e medrar nos mercados internacionais e diversificar os destinos das vendas ao exterior”. Todas estas liñas afondan na transformación tecnolóxica das nosas empresas: na adopción de ferramentas innovadoras para estaren no mundo e medrar.
O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores as convocatorias para participar en Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios que se manterán abertas ata o vindeiro 30 de marzo. A través delas impúlsanse actividades de difusión e de participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.
O Galicia Exporta Organismos Intermedios tamén de cheo na dixitalización, e inclúe o apoio á creación de plataformas de comercio electrónico para mercados internacionais.
Este ano súmase unha nova liña, o Galicia Exporta Dixital, cuxo prazo xa está aberto e que conta cunha dotación de dous millóns de euros para responder, en palabras da Consellería, “á demanda crecente das compañías galegas para acometer este tipo de procesos”. Ao seu abeiro darase impulso a plans de internacionalización dixital e adquisición de software, á creación e adaptación de tendas e catálogos en liña, a campañas de visualización en Internet ou outros servizos de soporte das vendas dixitais. As axudas son superiores no caso das PEME, que poden obter ata 100.000 euros (o 80% do investimento subvencionábel).

PUBLICIDADE