Economía e o CSIC volven xuntar forzas a prol do coñecemento e a excelencia

venres, 31 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Consellería de Economía asinaron hoxe un acordo para impulsar a actividade dos centros de coñecemento da primeira das entidades en Galicia. A iniciativa conxunta, que se leva a cabo por quinto ano consecutivo con feitura de contrato programa, busca levar os ditos centros cara un escenario onde conten coa meirande capacidade de manobra para achegar respostas concretas a desafíos sociais e económicos concretos: os do noso tempo e lugar.
En termos máis concretos, procúrase potenciar os proxectos de investigación estratéxicos do CSIC, consolidar grupos de referencia, emprazar a investigación realizada en Galicia a nivel europeo e trasladar os resultados deste traballo á industria. O contrato programa vén cun importe de 400.000 euros. Esta contía, xunto coa doutros catro contratos programa, suman a cantidade de 2,5 millóns de euros.
O acordo de hoxe foi formalizado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez. No acto participaron tamén a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, o vicepresidente de Organización do CSIC, Víctor Velasco, e o delegado institucional do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés.
A axuda da Xunta diríxese aos cinco institutos de investigación do CSIC na Comunidade: Misión Biolóxica de Galicia, Instituto de Estudos Galegos, Instituto de Investigacións Mariñas, Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia e Instituto de Ciencias do Patrimonio, o INCIPIT, cuxa actividade ten xerado importantes contribucións tecnolóxico-culturais, como por exemplo as ferramentas CHARM e ConML, ou o portal Fortalezas.es para mostrar e reivindicar a riqueza patrimonial de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa, por poñer só dous exemplos.
Conde incidiu no compromiso do Goberno galego cos centros de investigación, “xa que en plena era tecnolóxica a I+D+i é o motor do cambio”, explicou, engadindo que a contía de apoios anunciada hoxe diríxense a mellorar a competitividade das devanditas infraestruturas e favorecer a captación de talento, “apoios que suman 26,6 millóns entre 2009 e 2017”.
Conde finalizou agradecendo ao CSIC a súa implicación e apoio institucional, así como a colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) que está a permitir “dotar de valor cualitativo o Plan Galicia Innova”, así como dar resposta ás necesidades do tecido produtivo en materia de transferencia de coñecemento.

PUBLICIDADE