Economía e R inauguran este venres o encontro informático Technium

xoves, 2 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Este 3 de maio inaugúrase o encontro informático ourensán Technium R Encounter 2019, a gran cita da tempada para a nosa comunidade de seareiras e seareiros das novas tecnoloxías para compartir e tamén, para construír. A cita, que se desenvolve en Expourense, contará para a apertura oficial de actividades (ás 12.00 horas) coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde, e máis do director xeral da operadora galega R, Alfredo Ramos.
Segundo apunta a organización (a devandita compañía de cable), por primeira vez na historia, o encontro informático desenvólvese no recinto de Expourense, e co engadido extra de ofrecer unha velocidade de conexión de 10 Gbps.
A sétima edición da party tamén fornecerá á comunidade de asistentes dunha contorna aberta ao público, de acceso libre e de balde, na que poderán coñecer de preto as últimas novidades TIC.
Deste xeito, preto de 500 participantes tomarán parte nun evento sen ánimo de lucro organizado pola asociación Technium e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, de R e de Expourense. Os organizadores esperan que o novo espazo aberto ao público, denominado Extranet, tamén atraia centos de visitantes, xa que poderán acceder a conferencias gratuítas e recantos interactivos adicados ás impresoras 3D, os videoxogos e a realidade virtual.

PUBLICIDADE