Economía e Industria quere promover a innovación nas empresas galegas

martes, 27 de abril do 2010 Redacción

O I Encontro Bilateral entre Empresas de Galicia e o Norte de Portugal organizado por Tecnópole –Parque Tecnolóxico de Galicia– puxo hoxe en contacto en Ourense a 51 representantes de 28 empresas, centros tecnolóxicos e asociacións empresariais da Eurorrexión interesados en establecer alianzas para emprender proxectos de innovación transfronteirizos.
A xornada foi inaugurada polo director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, quen afirmou que «a empresa que non innove está condenada a morrer», ao que engadiu que «este é o mellor momento para que as PEME galegas se embarquen na innovación polas posibilidades que as novas tecnoloxías da información poñen á súa disposición para facer prospectiva e vixilancia tecnolóxica e polas oportunidades de financiamento ás que teñen acceso». Neste sentido, Capilla insistiu en que Galicia «non pode permitirse renunciar aos 650 millóns de euros que o Fondo Tecnolóxico da Unión Europea ten reservados para a comunidade ata 2013», en referencia a un instrumento de financiamento da innovación activado en 2007 e do que ata o de agora só se consumiu o 8% por falta de propostas.
O director xeral de I+D+I anunciou que a nova Axencia Galega de Innovación, que xestionará as políticas da Xunta de Galicia neste ámbito a partir deste verán, suporá «un cambio de paradigma nas axudas públicas á innovación, facilitando instrumentos de financiamento máis eficientes e cun maior retorno», en referencia a que convén adiantarse ao cambio de escenario que suporá o esgotamento dos fondos europeos en 2013.
Capilla explicou que o novo Plan Galego de Innovación, en fase de elaboración, terá o seu foco principal na empresa, «a única que pode poñer en valor a innovación situando novos produtos e servizos no mercado», e estará orientado aos resultados, «con métricas de medición dos retornos claras e de aplicación para todos». Segundo o responsable de I+D+I da Xunta, isto suporá a corrección das principais eivas do actual Plan (o INCITE), «de resultados modestos e pouco orientado á innovación empresarial».
Os participantes tiveron ocasión tamén de coñecer as axudas que o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) ten abertas neste momento para o financiamento de proxectos empresariais. O subdirector de Xestión de Proxectos do organismo, Norberto Penedo, insistiu no programa de apoio á internacionalización, «que viu notablemente incrementada a súa dotación este ano», e nas axudas de mellora de acceso a circulante para autónomos e PEME, os Plans Re-Solve e Re-Brote.
En relación ás TIC, comentouse que o sector comezará a recuperarse da crise en España e Portugal a finais de 2010 e que as oportunidades para o desenvolvemento de proxectos conxuntos están nos ámbitos con maior perspectivas de crecemento: a seguridade, a virtualización, o outsourcing, a mobilidade e os ultraportátiles.

PUBLICIDADE