Economía e Industria achegou preto de 90 millóns de euros aos axentes do Sistema Galego de I+D+i durante 2010

luns, 27 de decembro do 2010 Redacción

Facendo un repaso das súas actividades durante 2010 a Xunta de Galicia recoñece ter investido preto de 90 millóns de euros en axudas aos axentes do Sistema Galego de I+D+i vinculadas directamente á realización de proxectos, é dicir, á marxe do financiamento de recursos humanos de investigación (60,7), que acadou preto dos 28 millóns de euros.
Do investimento realizado pola Consellería de Economía e Industria vinculado á realización de proxectos ao amparo dos programas do Plan Galego de I+D+i, 25 millóns de euros foron destinados directamente a empresas, aínda que outros 22,6 millóns executados por centros tecnolóxicos e outras entidades se destinaron a actuacións que repercutiron de xeito directo no sector produtivo galego.
A práctica totalidade destas axudas vinculadas á realización de proxectos foron concedidas mediante anticipos de ata o 80% libres de garantía, unha medida que supón que, en lugar de ter que adiantar diñeiro desde o principio para afrontar os gastos relacionados co proxecto, a entidade que o promove e executa pode dispor da maior parte da axuda ao inicio. Esta medida, habilitada pola Consellería de Economía e Industria desde hai un ano e medio, permitiu aliviar os problemas de dispoñibilidade de liquidez, sobre todo por parte das PEME, e reducir as cargas burocráticas e de custos anulando a esixencia de presentación de avais.

PUBLICIDADE