Economía convoca o segundo certame de ideas Industria 4.0

luns, 6 de febreiro do 2017 Redacción

O Goberno galego, a través da Consellería de Economía, vén de convocar a segunda edición do seu certame do seu Concurso de Ideas Industria 4.0. A convocatoria, que conta cun orzamento de catro millóns de euros, ten o obxectivo de mobilizar 10 millóns e de apoiar media ducia de propostas tecnolóxicas innovadoras colectivas, catro delas centradas en implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega. Esta segunda edición ten ademais a novidade de impulsar dous proxectos nos eidos da fábrica virtual e as novas tecnoloxías industriais (TIC industriais). Con isto, Economía quere que a nosa terra sexa quen de subir novos chanzos en intelixencia artificial, en Internet das Cousas e en información inxente (Big Data). En termos concretos, a previsión é que participen medio cento de pequenas e medianas empresas galegas.
A iniciativa prevé seleccionar, por unha banda, catro novos proxectos colectivos para implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega. Estes engadiranse aos da primeira convocatoria, desenvolvidos polo CEAGA (motor), o Clúster da Madeira, CLUGASA (alimentación) e ASIME (aeronáutica). Nas ideas en desenvolvemento da primeira edición están a traballar 38 PEME mobilizando 7,5 millóns de euros.
Segundo informa Economía a respecto da nova convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será de tres meses, facilitando así a formación por parte dos clústers e asociacións empresariais de grupos ou alianzas de traballo conformadas por un mínimo de tres empresas. A axuda máxima será dun millón de euros por cada un dos proxectos, incluíndo un premio de até 25.000 euros para as entidades coordinadoras de cada unha das iniciativas seleccionadas. Escollerá os proxectos un xurado composto por representantes do IGAPE, da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e expertos estatais e internacionais de recoñecido prestixio.
As empresas que desexen impulsar un proxecto de investimento 4.0 e necesiten contactar cun organismo intermedio para presentalo á convocatoria aberta, poden facelo seguindo as instrucións publicadas na web do IGAPE. Do mesmo xeito, os organismos intermedios que queiran presentar solicitude ao abeiro desta liña poden dirixirse ao Instituto para publicar, na mesma páxina, as liñas xerais da iniciativa e para localizar, así, empresas que desexen sumarse.

PUBLICIDADE