Ecoemprendemento e redes sociais, a debate na USC

luns, 29 de xuño do 2009 Raquel Noya

José Manuel Moreno, Carlos Hernández, Senén Barro, Andrés Hermida e Marius Rubiralta

O ecoemprendemento e as redes sociais son os dous principais temas que, no marco da novena edición do Congreso Internacional sobre Creación de Spin-offs Universitarios, se están a desenvolver estes días na Aula Magna da Facultade de Química da USC en Santiago de Compostela, da man de profesionais chegados de toda a xeografía española.
Este congreso, que lle ofrece aos asistentes a oportunidade de discutir e intercambiar experiencias e boas prácticas sobre a transferencia do coñecemento e sobre a creación e a aceleración de spin-offs, entre outras cousas, desenvolverase ao longo das xornadas de hoxe e mañá, e nelas analizarase o impacto socio-económico do emprendemento universitario e a posta en valor da tecnoloxía dende as universidades facendo especial fincapé no ecoemprendemento e as redes sociais.
O reitor da USC, Senén Barro, presidiu hoxe mesmo a inauguración do encontro, nunha sesión na que tamén estiveron presentes o secretario xeral de Universidades, Marius Rubiralta, o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, o subdirector xeral da División Global Santander Universidades, José Manuel Moreno e o director do programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández.
Logo da sesión inaugural, o responsable de grupo de Isis Innovation Ltd, David Baghurst, referiuse ao proceso de transferencia de tecnoloxía na Universidade de Oxford e a el segueulle David Rodeiro, da USC, para referirse á creación de empresas no sistema universitario español e Ignacio Mira Solves, da Universidade Miguel Hernández, que profundou na perspectiva do persoal investigador respecto da creación de spin-offs con base na investigación.
A quenda da tarde, que se reanudará ás 16:30 horas, contará coa participación de Senén Barro, en calidade de presidente de RedEmprendia, quen lle explicará aos asistentes o traballo que está a desenvolver a Red Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas. Completando a sesión, Carlos Hernández falará de INBERSO como mercado alternativo de spin-off.
A xornada de mañá martes, terá como temas de análise a visión da empresa de base tecnolóxica e a aceleración de Empresas de Base Tecnolóxica no Espazo Iberoamericano de Educación Superior.
Así, dende ás 10:30 horas, a vicerreitor de Investigación, María José Alonso, moderará unha mesa redonda na que se poderá coñecer a experiencia de empresas como Advancell (cultivos celulares in vitro), DAS Photonics (tecnoloxía fotónica para aeronáutica e telecomunicacións) e Denodo Technologies (tecnoloxía da información e Internet).
As intervencións programadas propiciarán, segundo veñen de anunciar os responsables do congreso, “un intercambio de visións e puntos de vista entre os axentes implicados, de tal xeito que se profundará na visión académica da terceira misión, ao tempo que se poderá coñecer o punto de vista do inversor nas redes sociais, a perspectiva da empresa de base tecnolóxica e coñecerase o alcance do proceso de internacionalización da terceira misión”.

PUBLICIDADE