ES-Alert entra en funcionamento en toda España

martes, 21 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

O sistema de alertas ES-Alert, que permite enviar mensaxes de alerta xeneralizadas e inmediatas aos teléfonos móbiles localizados nunha área afectada por unha emerxencia ou catástrofe, entrará en servizo en toda España a partir desta medianoite, para a súa xestión desde todos os Centros de Emerxencias das comunidades autónomas e de Ceuta e Melilla.
Este sistema, integrado na Rede de Alerta Nacional, está xestionado polo Ministerio do Interior a través do Centro Nacional de Seguimento e Coordinación de Emerxencias (CENEM) da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias.
A activación deste procedemento permitirá dar unha resposta moito máis rápida e eficaz ante situacións de especial gravidade que poidan repercutir directamente sobre a poboación. As alertas enviaranse de forma automática a todos os teléfonos móbiles da zona afectada, un proceso coñecido como 112 inverso. Está dispoñible en calquera parte do territorio español con cobertura de telefonía móbil, xa sexa 2G (GSM), 3G (UMTS), 4G (LTE) ou 5G.
Todas as administracións públicas estatais, autonómicas ou locais que poidan contribuír á detección, seguimento e previsión de ameazas de perigo inminente para as persoas e bens, comunicarán a situación ao CENEM para que este organismo poida xerar unha alerta xeneralizada e inmediata na zona de risco. O aviso facilitará que a poboación poida protexerse perante fenómenos como como inundacións, incendios, fenómenos meteorolóxicos adversos, volcánicos ou accidentes químicos, entre outras emerxencias.

PUBLICIDADE