EMI podería converterse na primeira gran discográfica que aposta pola descodificación das cancións en liña

venres, 9 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Steve Jobs, conselleiro delegado de Apple, moveu ficha e apostou (aínda que de xeito sutil, claro) pola supresión da tecnoloxía chamada “DRM” (Digital Rights Management, en galego Xestión de Dereitos Dixitais) integrada nas cancións que se mercan na Rede en espazos como iTunes (Apple) e que asegura que só sexan escoitadas en reprodutores autorizados, e non nos da competencia. Ó termo das súas declaracións, quixo aclarar até onde chega a súa responsabilidade: “Agora son as grandes discográficas as que deben dar o seu consentemento”. Sexa ou non unha manobra estudada previamente entre Jobs e os xigantes da industria da canción (eses que durante anos quixeron quitarlle ferro ó espiñento asunto ese dos CDs que saen da fábrica valendo apenas 20 céntimos e que logo chegan até os 20 euros nas tendas), o caso é que xa hai quen lle colleu a testemuña a Jobs. Trátase da casa EMI Group PLC, unha desas empresas especialistas en dispoñer intermediarios para inflar o prezo da música.
O caso é que segundo informa The Wall Street Journal, a firma EMI xa está a manter os primeiros contactos con minoristas dixitais para afondar na posibilidade de poñer o seu catálogo á venda no formato MP3 descodificado. Isto que significaría? Basicamente, que as cancións desta casa se poderían copiar e reproducir de xeito libre nunha chea de aparellos, e non só nos especialmente sinalados como “aptos”. Se finalmente estes tanteos cos minoristas non quedan en papel mollado, poderíamos estar falando dun xiro significativo na política tradicional de antipiratería das grandes majors da industria. O peso de EMI no sector non é precisamente desprezable, xa que está considerada a terceira compañía de música máis importante do mundo en cuestión de vendas.

PUBLICIDADE