EIC inclúe a tecnoloxía galega Tiivii entre as startups que crearán o futuro deportivo

martes, 10 de novembro do 2020 S. P.

O sistema Tiivii, tecnoloxía galega para a produción automática de vídeo na nube (que permite, entre outras cousas, que cámaras fixas e móbiles gobernadas por Intelixencia Artificial sigan o xogo e produzan o sinal de TV de forma automática), foi incluído dentro das seis novas empresas tecnolóxicas da aceleradora europea EIC que traballan en solucións para a industria do deporte.
A UE valorou no seu día que “a innovación de Cinfo é avanzada e disruptiva” e que “podería ter moitas aplicacións aproveitando a fondo as tecnoloxías 5G e IA, amais de posuír potencial para crear un novo mercado global que inclúa comunidades arredor dos deportes e os novos modelos de negocio para clubes deportivos.”
O esquema EIC Accelerator, como lembraremos, apoia ás pequenas e medianas empresas innovadoras de “alto potencial” que desexen desenvolver e comercializar novos produtos, servizos e modelos que poidan impulsar o crecemento económico e dar forma a novos mercados.
No caso concreto de Cinfo, a empresa galega responsábel de Tiivii, a aceleradora EIC destaca que a introdución de solucións a través de produtos como Tiivii para mellorar a experiencia de seareiros e deportistas grazas ás novas experiencias dixitais, como as retransmisións en directo, Realidade Virtual e outras experiencias que se poden lograr grazas a Internet, “faise cada vez máis presente debido aos cambios que o ecosistema deportivo está a sufrir”. Así mesmo, o EIC destaca a selección de Tiivii polo Goberno español para mostrar o potencial da súa tecnoloxía na transmisión de eventos baixo redes 5G.

PUBLICIDADE