EGATEL mellorará a cobertura da TDT en Alxeria

martes, 17 de febreiro do 2015 Redacción

Sede de Eganet no PTGA empresa galega EGATEL (pertencente ao grupo COMSA EMTE), centrada no desenvolvemento e fabricación de equipos de última xeración para a radiodifusión de TV, vén de ser elixida xunto a PMS International (grupo multinacional especializado na execución e consultoría de proxectos) para ampliar a cobertura da televisión dixital en Alxeria. Logo de facerse co concurso público para estender a cobertura da televisión dixital en Alxeria, este proxecto que levará adiante EGATEL, asinado coa televisión pública alxerina (TDA) e cun valor total de máis de 2 millóns de euros, consistirá na subministración de 42 estacións de televisión dixital, transmisores e sistemas radiantes.
EGATEL confiou na experiencia de PMS International en Alxeria para facer realidade este traballo: “O soporte e a asistencia que nos emprestou PMS International e o seu profundo coñecemento sobre o funcionamento da administración alxerina foron determinantes para canalizar todos os trámites deste importante proxecto”, afirmaba Javier Taibo, director xeral da firma galega.
Pola súa banda, o director xeral de PMS International, Job Peró, explicaba que: “Este coñecemento e experiencia é o que nos fai distintos, é o noso gran valor. Nós dicimos que somos case alxerinos porque hai máis de 40 anos que estamos a traballar alí, porque máis da metade do noso persoal é alxerino e porque o feito de colaborar con empresas de sectores dispares supón un “saber facer” que ninguén máis pode achegar”.
Este proxecto consolida a presenza de EGATEL en Alxeria, onde en 2013 xa conseguía un contrato para a instalación dun transmisor dixital en Djefla, nas proximidades do deserto. Así mesmo, está pendente a adxudicación de 3 concursos máis de televisión dixital no país, a tramitación dos cales tamén foi confiada a PMS International.

PUBLICIDADE