EGATEL concorre nun proxecto para controlar pragas nas árbores con drons

xoves, 11 de agosto do 2016 Redacción

A empresa galega EGATEL está a participar nunha iniciativa para tirar partido dos vehículos aéreos non tripulados en materia de coidado dos bosques. No proxecto, que permitirá aos drons localizar coa súa tecnoloxías pragas e enfermidades diversas das árbores, tamén concorren o Centro Tecnolóxico Aimen, a Universidade de Santiago, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e Ammi Technologies, unha empresa innovadora con sede en Ourense que se centra en achegar unha manchea de servizos tecnolóxicos hardware, dende a montaxe de placas e de equipos electrónicos completos, até o seu desenvolvemento e implantación. O proxecto chámase Silva e está liderado por COTESA, Centro de Observación e Teledetección Espacial con sede na Coruña.
A súa aplicación centrarase sobre todo na xestión forestal sustentábel de madeiras de alta calidade. A tecnoloxía resultante adaptarase ao emprego de drons de ás fixas, que son vehículos non tripulados que teñen unha superficie de sustentación predeterminada e que salientan por achegar unha estrutura moito máis sinxela en comparación cos drons de ás rotatorias, moito máis complexos e custosos. O desenvolvemento xerado a través de Silva posibilitará a obtención de imaxes de gran calidade, moito maior cás xeradas a través doutros sistemas de teledetección incorporados tradicionalmente a avións ou satélites. Asemade, permitirá o seguimento e análise de grandes contornas forestais, complementándose co emprego de ferramentas de información xeográfica e de intelixencia artificial.
O proxecto Silva, financiado polo programa FEDER Interconnecta 2015, conta cun orzamento próximo aos 2 millóns de euros, e seguirá vixente ata decembro de 2017. A explotación comercial dos seus resultados está estimada para 2019 ou 2020.

EGATEL, a firma máis innovadora

A maiores de polo proxecto Silva, EGATEL está estes días de actualidade polos inmellorábeis datos obtidos (unha vez máis) a través do máis recente Informe Ardán do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Segundo os datos achegados pola investigación, EGATEL encabeza a listaxe de empresas innovadoras galegas (e logo de varios anos ocupando a mesma posición), seguida de Optare e Quobis.

PUBLICIDADE