EGANET sitúase a prol do libre uso da Rede no debate sobre a súa neutralidade

venres, 16 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Víctor López, presidente de EGANET

A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet (EGANET), presidida dende hai pouco polo noso compañeiro Víctor López, vén de dar a coñecer a súa postura perante a intención da Comisión Europea de abrirlle as portas á posibilidade de regular o cobro polo uso da Rede, por parte das operadoras de telecomunicacións, aos provedores de contidos. Este obxectivo da Comisión, perante o cal EGANET defende a liberdade de emprego da Rede, materializouse estes días a través de declaracións directas da comisaria de Telecomunicacións, Neelie Kroes, e logo mediante a repercusión nos medios que tivo a postura, repercusión que en parte simplificouse coa seguinte cuestión: cobrarlle ou non cobrarlle a Google por usar as redes.
A xuízo das empresas de EGANET, o debate transcende en moito o feito de que os grandes provedores teñan que pagar cotas. E prosegue: “A chegada de internet trouxo consigo o desenvolvemento dunha nova economía baseada no avance imparable das ferramentas de comunicación e no acceso á información; avance que non cesa, porque os recentes éxitos empresariais están ligados ás novas tecnoloxías e á inventiva de novos modelos de negocio baseados na internet”.
Polo tanto, e tendo en conta que o sector TIC simboliza unha alternativa á crise (grazas ao seu valor engadido e á creación de emprego de calidade), todo o que se faga a prol de quitarlle neutralidade ao escenario de actividade, a Rede, podería frear o talento, a capacidade innovadora dos profesionais, a democratización do coñecemento e, polo tanto, as posibilidades de superar o parón produtivo.
A xuízo de EGANET, “que se dean casos de éxito que superen en beneficio ao dos provedores de rede non debe ser causa da imposicións de peaxes, baixo xustificacións de tráfico excesivo ou como aliciente á mellora da rede, porque acceder a ela non é de balde, como tampouco o é a calidade do acceso nin a capacidade de conexión ou aloxamento dos sitios web”. E prosegue: “Aínda ben ao contrario, a crecente contratación de servizos de telecomunicacións e a conseguinte multiplicación do negocio das operadoras explícase na conformación dunha rede atractiva en contidos para os usuarios; é dicir, o acceso á rede non lle interesaría ás persoas de non haber contidos aos que acceder. Non cabería, pois, formularse o cobro, pero á inversa? Dos provedores de contidos aos provedores de rede?”
EGANET lembra que a Rede é unha gran oportunidade de medre económico, e que no caso de esixírselle unha peaxe á achega de contidos podería verse afectado en boa medida este potencial. En opinión do colectivo empresarial galego, “formular restricións ao uso da rede no contexto europeo, ademais, suporía unha mingua das capacidades competitivas de Europa fronte a outros actores económicos potentes, chámense Estados Unidos, Asia, Brasil, Rusia... O vello continente débese dedicar ao valor engadido e para isto un escenario comunicativo sen restricións é fundamental”.

PUBLICIDADE