EGANET reforza o seu compromiso a prol da participación activa dos socios

venres, 9 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Facer fincapé, aínda máis, na participación e no traballo ombro con ombro para conseguir cousas que, por separado, dificilmente serían posíbeis. Este foi un dos grandes obxectivos asumidos durante o transcurso da nova xuntanza informal de socios de EGANET, celebrada esta semana. Pero houbo máis, como por exemplo traballar en maior medida, de xeito conxunto, en cuestións como o tratamento de proxectos que a entidade ten neste intre na súa axenda máis inmediata, ou impulsar cuestións como o espallamento e a conexión do sector TIC co resto dos eidos produtivos. Na xuntanza, informa EGANET, os socios e a xunta directiva tiráronlles o máximo proveito ao formato adoptado de reunión, en boa medida debedor das novas formas de facer as cousas na Rede 2.0.
A xuízo da asociación, o diálogo foi satisfactorio e produtivo, e de seguro deixará ver en breve resultados de valor. A reunión levouse a cabo durante o serán do mércores na sede de EGANET en Santiago, onde se deron cita 20 representantes das empresas sociais, os integrantes da xunta directiva e o grupo de xestión da asociación. Entre outros moitos temas, tratáronse cuestións como o traballo colectivo arredor dos proxectos abertos (brindando a posibilidade de cada empresa participe neles de xeito activo), a busca de novos camiños para achegar as funcionalidades TIC aos sectores produtivos ou, xa nun eido máis concreto, a colaboración no desenvolvemento da Feira das Industrias Culturais Galegas, Culturgal, que serviu para que os socios reunidos achegasen ideas diversas para artellar a participación no evento procurando o interese dos demais integrantes de Culturgal.

PUBLICIDADE