EGANET presenta unha guía para evitar a fuga de talentos cara ás grandes empresas

luns, 16 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

O talento e a cualificación adoitan a ter na nosa terra, dende tempos inmemoriais, un movemento principal: de dentro cara á fóra. Isto foi e é así en todos os sectores empresariais, institucionais ou vinculados á investigación e docencia, non sendo unha excepción á regra o eido das novas tecnoloxías do coñecemento. En contra do que podería agardarse, por ser o dixital un mercado de amplas posibilidades no contexto galego (un mercado de expectativas de medre por achegar elementos diametralmente opostos aos que motivaron a crise internacional), os profesionais galegos non sempre atopan na súa terra as condicións que lles parecen idóneas. E isto, informan entidades empresariais como EGANET, malia que non haxa nada que probe que a situación ofrecida vaia ser mellor en compañías de meirande tamaño e situadas fóra da nosa xeografía.
Co obxectivo de reducir na medida do posible esta sangría de talentos, a dita asociación tecnolóxica vén de presentar a Guía referencial dos salarios do sector TIC en Galicia. O informe-manual, dado a coñecer este mesmo luns pola mañá en Compostela, achega como o seu propio nome indica información de primeira orde para os/as profesionais e para as empresas do eido do coñecemento TIC.
O traballo, segundo informa EGANET o primeiro destas características que se publica, foi avaliado nos seus detalles pola presidenta da asociación, Beatriz Legerén, quen estivo acompañada no encontro de hoxe cos medios pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e máis polo responsable de Proxectos da Consultora Vitae, Marcos Carbonell.
Elaborada a partir dun alicerce de máis de 120 profesionais en 2008, o estudo vai dirixido a reflectir os datos reais das competencias, responsabilidades e retribucións salariais das diferentes categorías laborais. A idea é favorecer os estudos de mercado que poidan levar a cabo as pequenas e medianas empresas, en Galiza as máis abondosas en calquera sector (incluído o das novas tecnoloxías): grazas á guía contarán cun coñecemento máis fondo do tecido e maquinaria produtivos e tentar evitar, deste xeito, a fuga de talentos que se rexistra dende estas firmas até as de meirande envergadura.
Segundo os responsables do traballo, cómpre salientar tamén o valor do mesmo como parte informativo fiable ao proceder das máis directas fontes posibles e non se ter apoiado en enquisas ou estimacións.
A guía, que consta de setenta páxinas, divídese en tres partes, unha por cada grupo profesional: dirección, explotación/produción e comercial. Segundo informou EGANET, nos tres casos descríbense as competencias e responsabilidades de cada un dos postos, así como o salario mínimo, medio é máximo consonte ao nivel dos profesionais (junior, medio, sénior e experto). Por certo que o informe tamén pon de relevo os recursos humanos máis difíciles de atopar en Galiza, concretamente os perfís comerciais con experiencia no sector e, tamén, os profesionais centrados nos desenvolvementos tecnolóxicos máis concretos.
Durante a presentación da guía en rolda de prensa, a directora xeral en funcións de Promoción Industrial e Sociedade da Información fixo mención a última Enquisa á Poboación sobre a Sociedade da Información en Galiza do ano 2008”, de acordo coa cal e de seguir co ritmo de converxencia reflectido, “no ano 2010 acadaranse, como estaba previsto, os indicadores do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI)”.

PUBLICIDADE