EGANET premia hoxe ao sector TIC galego

mércores, 22 de decembro do 2010 Raquel Noya

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (EGANET) a diferencia do resto dos mortais que contamos as horas que restan para que chegue a Noiteboa (e para moitos as vacacions de Nadal), conta con teima o tempo que lle queda para entregar os seus premios ao máis destacado do sector TIC galego, nun acto que terá lugar esta mesma tarde en Santiago de Compostela.
A entrega dará comezo a partir das 19:30 horas, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, un escenario que se estrea nesta gala.
Nesta sétima edición compiten un total de 32 candidaturas finalistas, de entre as 262 presentadas, que se reparten en oito categorías, así como un Premio Especial, que este ano recaerá en Altia Consultores, a primeira empresa galega do sector que cotiza na bolsa.
Como novidade da edición deste ano, a organización concederá catro premios globais a aqueles participantes que mellor aposta fagan polo software libre, a innovación, a mobilidade e a accesibilidade entre todos os proxectos presentados.
Os finalistas desta edición, todos eles galegos, (4 por categoría) pódense consultar na web oficial do evento.

PUBLICIDADE