EGANET e BIC Galicia loitan xuntas contra a atomización do sector TIC

mércores, 29 de xuño do 2011 Raquel Noya

BIC Galicia, entidade dependente da Consellería de Economía e Industria, e Eganet, a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías, veñen de poñer en marcha un proxecto pioneiro na loita contra a atomización do sector TIG galego, baseado na cooperación e nas alianzas estratéxicas empresariais.
Precisamente, foi ese o nome que levou a xornada informativa celebrada onte en Compostela, A cooperación entre empresas: As alianzas estratéxica, onde persoas responsables de máis de 20 pequenas e medianas empresas do noso país coñeceron polo miúdo os detalles deste proxecto innovador.
O acto tivo lugar no Centro Social Novacaixagalicia e foi presidido pola Directora Xeral de BIC Galicia, Maite Cancelo, e o Presidente de Eganet, Víctor López, que abriron o encontro ofrecendo cadansúas visións sobre a necesidade dun proxecto de colaboración destas características para asegurar a “boa saúde” do sector TIC galego.
Durante a presentación do proxecto tamén interviñeron especialistas de distintos eidos do sector tecnolóxico, que fixeron un percorrido polas múltiples posibilidades de cooperación estratéxica que existen, facendo fincapé, segundo informan na web de Eganet, “nas oportunidades e limitacións que presentan cada unha delas”.
O presidente de Eganet, Victor López, asegurou que a xornada foi “o preludio
dun proxecto de maior envergadura que se desenvolverá nos vindeiros meses”, e que irá encamiñado, previsiblemente, a desenvolver actividades conxuntas que melloren a competitividade das empresas TIC galegas nos mercados nacional e internacional.

PUBLICIDADE