EGANET critica duramente o programa Maspyme das cámaras de comercio

luns, 19 de xullo do 2010 Raquel Noya

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (EGANET) que traballa a reo, entre outras cousas, para que as empresas do país incorporen as tecnoloxías da información e a comunicación á súa actividade diaria, vén de manifestar publicamente o seu “desacordo coa convocatoria de axudas publicadas polos entes camerais dirixidas ás PEMES galegas” (nas que se facilita o acceso a Internet mediante a creación dunha web propia e o desenvolvemento dunha plataforma para comercializar os produtos na Rede), “por competencia desleal”.
Os responsables desta asociación aseguran que se trata de “intromisión empresarial” por parte das cámaras de comercio, e destacan a “pouca profesionalidade das páxinas” que se lle ofertan ás pequenas e medianas empresas do país mediante a iniciaiva Maspyme.
A valoración da asociación é “que as cámaras incorren mediante o programa Maspyme nunha serie de prácticas que atentan contra as máis básicas normas éticas da actividade mercantil” e, neste senso, destacan a existencia de “competencia desleal” (xa que din “o programa elimina a concorrencia competitiva de empresas especializadas para o desenvolvemento do mesmo”), a “baixa calidade dos traballos realizados” (que ao estar estandarizados non permiten o establecemento de vantaxes competitivas na aplicación de tecnoloxía aos procesos empresariais dos potenciais clientes), a “regulación dos prezos dun sector” (xa que as cámaras marcan o importe do custo) e “a discriminación das súas empresas asociadas” (ao impedirlle participar no proxecto).
A realidade é que, segundo afirman, mediante o programa de axudas Maspyme, as cámaras de comercio, industria e navegación “ofertan páxinas por un custo moi baixo, fóra dos prezos do mercado, que compiten coas tarifas das empresas profesionalizadas, como son as asociadas a EGANET”.
Neste senso, a asociación galega alerta de que as “axudas da Cámara (postas en marcha no ano 2005) “contribúen a desvalorizar o negocio empresarial dos seus asociados”; polo que a organización solicítalle aos responsables das diferentes cámaras “a supresión do programa ou a súa modificación para que se recolla a concorrencia competitiva e unha modificación das bases que incorpore a posibilidade da realización de web por niveis de complexidade e con adecuación ás necesidades propias de cada proxecto empresarial”.
Dende EGANET, os profesionais do sector afirman que o programa Maspyme “ten un efecto contrario ao perseguido, xa que ao final serán moitas empresas as que, ao non ver cumpridas as súas expectativas, abandonarán o proxecto”, polo que advirten “do efecto perverso” da iniciativa cameral.

PUBLICIDADE