EGANET critica a iniciativa Conecta tu negocio por facer competencia desleal

venres, 11 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A asociación galega EGANET, centrada no tecido galego das novas tecnoloxías e na defensa dos intereses do mesmo, vén de emitir un comunicado de protesta contra a iniciativa Conecta tu negocio, posta en marcha pola Confederación Española da Pequena e a Mediana Empresa (CEPYME) por considerala unha clara mostra de competencia desleal. Máis polo miúdo, a xuízo da asociación galega o proxecto da CEPYME é “unha ameaza para o sector TIC, e pode chegar a desartellar o tecido das pemes galegas dedicadas aos novos recursos e servizos do coñecemento”. Amais disto, EGANET considera que a devandita iniciativa nin sequera asegura taxas de rendibilidade que puidesen xustificar a súa posta en marcha, cousa que se agrava se temos en conta que contou con cartos públicos para o seu financiamento, a través do Plan Avanza do Ministerio de Industria.

Para facérmonos unha idea de en que consiste Conecta tu negocio, dicir que se trata de ofrecerlles ás empresas a opción de crear por si mesmas a súa páxina web. Este servizo, sobre o papel, non tería nada de malo. O problema, recórdanos EGANET, é que de darse esta posibilidade, estariamos suprimindo de xeito radical os sectores onde unha boa parte do noso tecido desenvolve esta actividade, contándose para isto cuns orzamentos públicos dos que carecen outros proxectos de semellante índole. Dito para que se entenda: Conecta tu negocio xoga con moita vantaxe, de máis.

A maiores, di EGANET, os servizos que ofrecen non contan coas esixencias mínimas de calidade, prescindíndose da experiencia de centos de empresas que fan o seu día a día a través destes servizos.

Conecta tu negocio”, dísenos, “aposta por introducir as tecnoloxías nas pemes dende a óptica da venda en serie, sen un mínimo de adecuación ás necesidades e capacidades reais das empresas co conseguinte risco de queimar o mercado; ás empresas non se lles ofrece unha páxina feita correctamente e á medida senón un espazo estático na Internet creado por un programa automático”. Este programa, engade a asociación galega, non é froito do seu tempo, este que estamos a vivir, senón de cousas e situacións que xa ficaron atrás. Trátase dun produto que está máis próximo ao contorno da web 1.0, a da Rede que viña feita e na que non tiñamos posibilidade de participar, que da actual web 3.0, a Internet que se fai a cada intre coa nosa axuda e mesmo ten capacidade xa para ser intelixente. “En consecuencia”, di EGANET, “é moi posible que os resultados non cumpran coas expectativas e as firmas acaben por abandonar a web-cartel que non será actualizada e da que non verán ningún retorno do investimento”.

PUBLICIDADE