EGANET contabilizou 221 candidaturas presentadas aos seus premios

xoves, 26 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

EGANET vén de facer reconto da participación acadada nos seus premios anuais logo de pechar o prazo para recibir iniciativas aspirantes. Segundo conta a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet, foron un total de 135 as empresas e entidades que enviaron as súas respectivas candidaturas, a través de 221 propostas presentadas nas diferentes modalidades do certame, aos devanditos recoñecementos TIC. Segundo comenta a directiva da entidade empresarial, un dos datos máis salientables que se extrae deste prazo para a presentación de propostas é o afianzamento dos galardóns como referencia no seu eido a nivel galego.
Deste xeito, engade, na pasada edición competiron 74 empresas e entidades (fronte ás 135 devanditas da presente edición) mediante un total de 182 candidaturas (fronte ás 221 da edición deste ano). As categorías son nove, ás que se engade o Premio Especial Eganet, que a asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que máis e mellor traballo despregase ao longo do ano en materia de promoción TIC.
As nove categorías para as que Eganet recibiu candidaturas son as seguintes: Premio E-Emprendedores; Premio Cultura Dixital; Premio Software Libre; Premio Tecnoloxía Accesible; Premio Comunicación Web; Premio Mellor Ambiente Laboral, novidade da presente edición; Premio Publicidade Online; Premio E-Comerce; e Premio á Mellor Aplicación Online. As modalidades con maior número de candidaturas recibidas na presente edición dos premios, 50 en cada un dos casos, son a de Comunicación Web e a de E-Comerce.
Cómpre lembrar que a gala para a entrega de galardóns celebrarase o vindeiro 16 de decembro no Auditorio de Galicia de Santiago.

PUBLICIDADE