EE UU proxecta levar Internet ó espazo en 2009

martes, 17 de abril do 2007 Raquel Noya

Se ben a fenda dixital existente (por desgraza) en Galiza non nos permite acceder ás novas tecnoloxías todo o que precisamos, en Estados Unidos xa están a traballar nun plan encamiñado a cubrir dixitalmente unha fenda de dimensións nada desprezables. A idea é levar a Rede ó espazo en 2009, da man da compañía Cisco e do xeoestacionario Intelsat.
Tal e como indica Laflecha.net, o proxecto IRIS (Internet Router Protocol in Space) pretende estender Internet fóra do noso planeta e levar a cabo o intercambio directo de datos entre satélites en órbita sen necesidade de pasar (como acontece na actualidade), polas estacións terrestres.
Don Brown, o portavoz dunha das compañías encargadas de construír a plataforma, sinalou que “IRIS significa para o futuro das comunicacións por satélite o que Arpanet significou para o desenvolvemento de Internet nos anos sesenta”. En menos de tres anos, os americanos prevén revolucionar o mundo das telecomunicacións cun “router espacial” que distribuirá paquetes de datos e información a través dunha longuísima rede exterior definida.
Unha vez lanzado, o novo sistema IRIS, asegura Bill Shernit, presidente de Intelsat, “integrará o actual sistema de satélites coas infraestruturas terrestres e facilitará a quen as precise comunicacións instantáneas”.
A ver se cun pouco de sorte se lles escapa algún “router espacial” deses que teñen e vén parar aquí, que temos máis falta de comunicarnos cós “habitantes” dos planetas desertos.

PUBLICIDADE