EE.UU. prorroga o veto a Huawei

mércores, 13 de maio do 2020 Marcus Fernández

Pese a que algúns confiaban en que os EE.UU. relaxasen as medidas impostas ás súas empresas con respecto a facer negocios coa chinesa Huawei, as numerosas negociación entre as autoridades estadounidenses e chinesas non foron quen de relaxar a tensión, e finalmente a Casa Branca publica hoxe a renovación da Orde Executiva a través da que vetan a Huawei até o 15 de maio de 2021.
Lembremos que a Casa Branca, sen presentar ningunha proba ao respecto, acusaba a Huawei de ser unha ameaza para a seguridade dos EE.UU., polo que prohibiron ás súas compañías comerciar co xigante tecnolóxico chinés, o que principalmente buscaba evitar que Huawei mantivese a súa posición de liderado na tecnoloxía 5G, pero que como consecuencia tivo que a compañía chinesa non puidese lanzar ao mercado novos smartphones cos servizos de Google instalados, o que resulta todo un atranco en mercados como o europeo, onde Google xoga un rol fundamental, tanto pola súa tenda de aplicacións para móbiles como polo feito de que temos unha grande dependencia de servizos de Google como os mapas ou o correo electrónico.
Curiosamente o obxectivo do veto inicial non está a cumprirse, xa que o Goberno de EE.UU. tivo que outorgar licenzas a numerosas compañías de telecomunicacións de EE.UU. para que puidesen adquirir tecnoloxía de Huawei, xa que está moi presente nas súas infraestruturas e, no caso de avaría, é preciso poder substituír os equipos por modelos equivalentes, de aí que a dependencia de Huawei sexa moi elevada.
Dado que os obxectivos de seguridade dos EE.UU. non parecen ter moito peso na práctica, o que si resulta moi evidente é que as tensións ao redor de Huawei están a ser unha baza moi importante dentro das negociacións de políticas comerciais entre EE.UU. e China.

PUBLICIDADE