EDISA presenta ante ducias de profesionais internacionais a nova versión de Libra

venres, 2 de outubro do 2015 Redacción

Hai 32 anos botaba a andar a multinacional ourensá EDISA. No presente, a empresa está de estrea, trátase do lanzamento da nova versión do produto estrela da casa: o software de xestión empresarial Libra, que sairá ao mercado a nivel mundial o vindeiro mes de novembro. Co gallo de dar a coñecer este produto, EDISA reunirá mañá (sábado 3 de outubro, ás 12 h) no Parque Tecnolóxico de Galicia (Rúa Ourense, nº 2 da Tecnópole) a 150 empregados procedentes das súas cinco sedes espalladas por toda España e das catro internacionais, situadas en Colombia, Ecuador, México e República Dominicana.
EDISA decidiu celebrar este evento en Ourense por tratarse da súa sede fundacional e porque é na Tecnópole onde a empresa ten o seu centro de I+D para todo o mundo. Os empregados serán recibidos este sábado polo presidente e fundador, Alfonso Amorín, e polo director xerente, Carlos Suárez.
Para saber algo sobre a nova versión do dito software, cómpre dicir que Libra é unha plataforma tecnolóxica desenvolvida por EDISA para facilitar ás empresas a súa xestión cotiá en todas as fases da cadea de manexo de datos, produción, comunicación ou distribución.
A plataforma, con adaptacións específicas para máis de 30 sectores, inclúe a día de hoxe máis de 2500 aplicacións que abranguen a totalidade de procesos dunha empresa, integrando a todos eles nunha mesma interface. A nova versión, denominada Libra 6, “optimiza a explotación de datos, a automatización de procesos, o traballo na nube, a mobilidade –coa súa adaptación a smartphones– e a integración en rede con todos os axentes cos que opera a compañía, dende os clientes e os provedores até a administración e os bancos, amais de achegar as ferramentas máis avanzadas desenvolvidas polo noso socio tecnolóxico, Oracle”, detalla o director de EDISA.

PUBLICIDADE