EBE acollerá en Sevilla a máis de 3.000 representantes do eido blog

venres, 8 de novembro do 2013 Redacción

Estes días chegounos información dun evento TIC que os organizadores cualifican como “a gran cita de Internet de fala hispanal”. Tanto por alcance dos temas a falar como pola cantidade de xente que se prevé reunir: 3.000 profesionais da cousa dixital. Falamos de EBE, acrónimo de Evento Blog España. O acontecemento en cuestión, que non é novo (vai pola súa oitava edición), celébrase en Sevilla do 15 ao 17 de novembro, achegando un programa centrado nas vantaxes a curto prazo que xeran na sociedade os cambios e avances tecnolóxicos. Segundo recordan os organizadores, retomando o fío de pór de relevo os puntos fortes da xuntanza, esta foi a cita estatal que máis movemento xerou durante os últimos meses en Twitter.
Celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Sevilla (FIBES) baixo a lema Disrupción Global. O obxectivo do evento é “incidir nas modificacións xeradas nos ámbitos da sociedade, a empresa e a economía como consecuencia do uso da tecnoloxía de Internet e doutras ferramentas afíns”. Esta convocatoria foi especialmente aberto, de feito a programación definiuse coa axuda dos asistentes: estes, a través da web ou da canle de EBE en Twitter (@ebe), foron suxerindo que contidos lles pareceron máis imprescindíbeis.
Os organizadores de EBE salientan que ao longo de tódalas súas edicións, foi quen de xuntar a máis 9.800 asistentes. Agardan que este ano se acaden os 3.000 participantes, “confirmando a tendencia de medre de público, pasando de 700 inscritos en 2007 a máis de 2.100 en 2012”. Haberá conferencias, encontros sobre cinema, proxeccións de audiovisual, música e outras actividades de lecer e intercambio de coñecemento. Confirmouse xa a participación de relatores como Gem Romeu (Ogilvy&Mather) que ofrecerá un relatorio sobre branded content; Vicky Bolaños (RTVE.es) que falará sobre ciberactivismo e datos abertos; Céline Lazorthes (Leetchi.com) que centrará a súa charla na economía colaborativa como modelo de financiamento; Pedro Jareno (Minube.com) que aproximará aos asistentes ao concepto de disrupción; e Xavier Forcadell (Easypress.es) que abordará aspectos relacionados coa difusión de contidos en liña, entre moitos outros. Víctor Manrique, pola súa parte, amosará de forma práctica como a gamificación mellora os resultados das estratexias de comunicación en redes sociais e blogs.

PUBLICIDADE