EASYcopy: ferramenta para protexer Mis Documentos

xoves, 8 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Vivir e traballar en Internet pode resultar tan estresante coma pisar cada semana a superficie dun cuadrilátero de boxeo. Tes que estar sempre disposto a protexer aqueles sitios onde máis pode doer unha boa somanta. Con máis ou menos diferenzas, a información de determinadas empresas, organismos ou institucións é hoxe en día o espazo onde conflúe unha chea de cerebriños de todo o mundo: uns tratando de protexela, e outros de lanzar un gancho de esquerdas. E o mesmo vale para os usuarios particulares, aínda que a este nivel conflúa moita menos xentes. Para eles, para os internautas de a pe, é para os que está destinada principalmente a ferramenta EASYcopy, que garda de xeito automático o cartafol Mis Documentos e máis o correo logo de aplicar sete cliqueos no rato.
O programa, que non require manual de usuario, precisa dunha configuración previa: é dicir, temos que indicar que queremos gardar e en que condicións. Unha vez dado este primeiro paso, o usuario xa pode estar máis ou menos tranquilo (non podemos aconsellar unha baixada total da garda, porque edificios máis grandes caeron). A ferramenta pode ser útil para internautas celosos da súa privacidade, sobre todo no que se refire á protección de documentos, imaxes, cancións ou correos. O prezo deste produto é de 49,49 euros con IVE incluído, e nas webs que dan conta del non se especifica nada de se é detectable ou non polos internautas que andan á procura de información allea: se é detectable, é posible que acabemos por ter entre mans unha carnada e sen sabelo. A fin de contas, ninguén lle pon un candeado a unha porta se non hai nada que protexer, non?

PUBLICIDADE