É improbable que Netflix chegue a España durante 2014 pese á súa expansión europea

mércores, 12 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Variety ve moitos atrancos para o desembarco de Netflix en España

Variety publicou unha interesante análise sobre a expansión que terá o servizo de vídeo baixo demanda Netflix en Europa durante 2014, por considerar que tal apertura internacional pode incrementar considerablemente os seus ingresos (actualmente o 21% da facturación da compañía estadounidense chega do mercado internacional). Polo momento Netflix limita a súa presenza europea a Reino Unido, Países Baixos e Escandinavia, e parece estar a atopar unha grande resistencia local en cada país ao que quere desembarcar, pois os provedores dos servizos de vídeo baixo demanda actuais non poden competir nin en prezo nin en catálogo cun xigante como Netflix, de aí que non sexan poucos os axentes que dificulten as negociacións para permitir a explotación local dos contidos.
De cara á chegada de servizos como Netflix cada país ten as súas limitacións, e mentres en España fálase do problema que supoñen as descargas da Internet xeneralizadas entre a poboación, en Francia existen numerosas barreiras lexislativas, en Italia a penetración da banda larga nos fogares é moi reducida e en Austria o público está afeito a contratar servizos estranxeiros, deixando claro que Europa é un mercado moi heteroxéneo.
Sobre España en Variety profundan comentando que as compañías distribuidoras foron as que impediron a entrada de Netflix en 2011 ao pedir uns prezos totalmente desproporcionados (aínda que oficialmente culpaban da retirada ao alto nivel de piratería) e aseguran que Yomvi está procurando converterse nunha sorte de Netflix local (parecen descoñecer a existencia de Wuaki.tv). Consideran que é improbable que Netflix chegue a España ou Portugal durante 2014, chegando incluso a desbotar que aposten por algún país do sur de Europa, o que podemos ver como unha mala nova para os espectadores españois (que quedamos sen unha plataforma audiovisual moi atractiva) ou como unha grande oportunidade para a industria local (que pode conseguir consolidarse no mercado do vídeo baixo demanda de mellorar a súa oferta de contidos nos vindeiros meses).

PUBLICIDADE