É-Saúde figura entre os finalistas dos premios New Medical Economics ao mellor proxecto en saúde dixital

xoves, 16 de agosto do 2018 Redacción

A Plataforma É-Saúde, ferramenta dixital dirixida a pacientes e cidadáns que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado á Internet, vén de ser nomeada finalista aos premios New Medical Economics 2018 na categoría de mellor proxecto en saúde dixital 2018.
É-Saúde conta, actualmente, cun total de 51.000 usuarios. Cada semana realízanse 400 novas altas a este servizo, ao que cada día acceden unha media de 2.500 persoas dadas de alta.
Posibilita consultar e xestionar as citas, revisar a folla de tratamentos, os informes de alta, informes de probas diagnósticas, entre outras prestacións directamente dende o móbil, ordenador ou tableta.
Dende o mes de setembro do pasado ano os usuarios poden descargarse os informes dos programas de Saúde Pública. En concreto, os informes de prevención e detección precoz de metabolopatías, xordeira neonatal, cancro de mama e cancro de colon; ademais dos de calendario de vacinacións. Toda esta información xérase na data da consulta, e contén as probas realizadas ata ese momento.

PUBLICIDADE