Durante o mes de xuño poderán remitirse solicitudes para o Programa Pioneiros .gal

luns, 2 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, dando conta do calendario de lanzamento do dominio .gal

O dominio .gal avanza cara a converterse nunha realidade para a nosa sociedade, e dentro do seu proceso de lanzamento botou durante a xornada de onte a andar o proceso de presentación de solicitudes para o seu Programa Pioneiros, a través do que se activarán un máximo de 90 nomes de dominio a partir do vindeiro 25 de xullo, o que servirá para darlles unha grande visibilidade tanto ao dominio .gal como ás empresas que se acollan a este programa antes da apertura xeral do dominio galego de primeiro nivel na Internet no mes de decembro.
Até o vindeiro día 30 as entidades e persoas que queiran optar a un destes exclusivos nomes de dominio co sufixo .gal, que durante catro meses servirían para dar visibilidade ao dominio de Internet para a lingua, a cultura e a sociedade galega na Rede, poden presentar unha solicitude para que a Asociación PuntoGal a avalíe de cara á súa aceptación no Programa Pioneiros .gal, para o que terán que cumprir cunhas condicións rigorosas (das que a Asociación dá conta nun completo documento en formato PDF) entre as que figura o feito de que os espazos web que empreguen o .gal deberán ter contidos en galego nunha parte significativa, ter contidos hospedados directamente baixo o nome de dominio (e non mediante redireccións) e satisfacer unhas esixencias económicas superiores ás que corresponderían a un rexistro de dominio ordinario, pois preténdese que esta fase de pre-lanzamento do dominio .gal contribúa ao financiamento da actividades do nome do dominio durante os vindeiros meses. Por exemplo, as entidades sen ánimo de lucro e particulares deberían aboar 400 euros de querer facerse cun Nome Pioneiro .gal, mentres que as empresas que queiran optar a este Programa (de grande interese promocional para as súas marcas de cara á sociedade galega) terían que satisfacer unha cantidade de 3.000 euros.

PUBLICIDADE