Duplícanse os usuarios de GNU/Linux en 2007

xoves, 23 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

GNU/Linux segue a abrirse camiño, con paso firme e sen recuar, e até certo punto cae de caixón que así sexa, agora que xa non só estamos a falar dun movemento activista, unha postura social no informático, senón tamén dun negocio que xa dá cartos. Segundo datos achegados por DekstopLinux, o número de internautas que empregan o sistema devandito duplicouse nun ano. Malia que en AGNIX se nos advirte de que non se trata dun resultado cientificamente probado, o estudo sirve para achegar un aquel de luz nos usos preferenciais de Linux (distribución, escritorio, navegador, cliente de e-mail e xeito de executar aplicacións privativas en GNU/Linux) e tamén sobre os programas da dita liña máis solicitados: Ubuntu, GNOME, Firefox, Thunderbird e Wine.
Segundo apunta a Asocación Galega de Usuarios de GNIX, ningunha destas presenzas sorprende moito (son, por así dicilo, presenzas previsibles) agás unha, a do escritorio GNOME en troques de KDE. Polo visto, Ubuntu turra forte de GNOME no ranking porque o trae por defecto como escritorio.

PUBLICIDADE