Ducksboard acada 560.000 euros na súa primeira rolda de financiamento

martes, 3 de abril do 2012 Marcus Fernández

O ano pasado vimos o nacemento de Ducksboard, un proxecto encabezado polo galego Diego Mariño, que desenvolveu un panel de control en tempo real para monitorizar métricas en liña de servizos web, que en decembro abandonou a súa fase de probas, durante a que superou os 10.000 usuarios, o que parece que só foi un anticipo do seu futuro éxito, como demostra o feito de que xa estea a captar investimentos externos. Así, tras a súa posta en marcha con fondos de seu, reciben na súa primeira rolda de financiamento 560.000 euros que, xunto cunha axuda de ENISA suman 600.000 euros, asentando os alicerces para unha iniciativa prometedora na que confían principalmente Cabiedes and Partners e Kibo Ventures, xunto con varios business angels do sector como François Derbaix (Toprural), Jesús Pindado (Strands) e Juan Luis Hortelano (Ambitiona).
Esta achega de capital facilitará a consolidación do equipo e a realización dun importante investimento en comunicación e captación de usuarios, para acelerar o crecemento da compañía e a súa internacionalización (actualmente a empresa está a realizar un roadshow por San Francisco para captar clientes entre axencias e startupsque precisen dos seus servizos).
Para facernos unha idea do que ofrece Ducksboard podemos ver o seguinte vídeo promocional:

Diego Mariño compartiu cos asistentes os seus coñecementos sobre o emprendemento tecnolóxico
Diego Mariño na súa intervención en Iniciador Galicia