Dúbidas sobre a calidade da pantalla do Nexus One

luns, 8 de marzo do 2010 Marcus Fernández

A polémica está a preceder a chegada oficial do Nexus One á Europa continental, e non só está a dar que falar que varias cadeas de tendas coma The Phone House ou Media Markt estean a importar o terminal promovido por Google (pese a que carece de soporte por non comercializarse oficialmente en España), senón que agora o servizo técnico de HTC está a sementar dúbidas sobre a calidade da pantalla do terminal, xa que ante o envío dun Nexus One cunha pantalla avariada/rota que presentaba unha cor púrpura, deron a entender que o problema estaba provocado por sentar co móbil no peto duns pantalóns vaqueiros.
Agora seméntase a dúbida de se realmente a pantalla do terminal fabricado por HTC é moi fráxil, o que podería ser un grande problema, posto que a súa substitución é bastante cara (no caso en cuestión sae nunhas 180 libras esterlinas). Agardemos que todo quede nunha simple anécdota ao considerarse que os pantalóns vaqueiros son perigosos para as pantallas dos móbiles.

PUBLICIDADE