Dúas novas revistas electrónicas de videoxogos nacen en plena crise do papel

luns, 30 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Nun momento no que o futuro de revistas impresas de videoxogos como a EDGE periga no mercado español (e a SuperJuegos Xtreme pechou hai pouco) saen novas publicacións sobre o tema que só existen en formato electrónico, das que destacamos dúas: a revista XBMagazine e a Games Tribune.
Ambas destacan por representar dous conceptos totalmente distintos, e así a Games Tribune pretende imitar ás publicacións en papel tradicionais, en formato PDF, cunha maquetación sinxela, aínda que cunhas tipografías bastante grandes, de xeito que a súa lectura é doada en pantalla (o que tamén dispara o seu número de páxinas superando sobradamente o cento), mentres que a XBMagazine preséntase como unha serie de imaxes en formato horizontal en 16:9, o que a converte nun contido visualizable na Xbox 360, estando realmente optimizado para a súa lectura en pantalla, o que podería converterse en toda unha tendencia no futuro.
Temos así dous excelentes exemplos de publicacións electrónicas que poden marcar os pasos que vai seguir o sector no futuro, destacando por ofrecer contidos de calidade de balde, aínda que fuxindo da web. ¿Será posible manter estes formatos electrónicos ou seguirán a mesma sorte que as publicación físicas?

A XBMagazine conta cun deseño moi axeitado para a súa visualización na Xbox 360



A presentación en formato 16:9 supón unha interesante proposta de XBMagazine

PUBLICIDADE