Dúas curtas galegas, seleccionadas en festivais estatais

luns, 14 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Checkout e X nada, dúas curtametraxes galegas producidas por Ficción Producciones (no caso de Checkout, en colaboración con Kairós), veñen de ser seleccionadas para participar no Festival Internacional de Cine de Animación de Basauri (Biskaia) e para o Festival de Curtametraxes de San Roque, en Cádiz, respectivamente, onde competirán co mellor audiovisual do Estado.
Trátase dunha curta de animación e outra de ficción baseada en feitos reais, que viaxan fóra dos nosos lindes para probar sorte no máis alto do panorama nacional actual.
A curtametraxe de animación, Checkout, xa gañou o Premio Compostela Plató no Festival Internacional Curtocircuito 2009 e foi presentada ós Goya do pasado ano sen tanta sorte. Agora, viaxa a Basauri, onde estará do 1 ó 7 de abril.
No caso de X nada, é unha produción que xa fora seleccionada na súa traxectoria para 30 festivais tanto no ámbito nacional como no internacional, entre eles, os Premios Goya do 2009. Esta curta, que continúa colleitando éxitos, viaxa agora ata Cádiz para participar no Festival de Curtametraxes de San Roque, que terá lugar do 14 ó 18 de febreiro.

PUBLICIDADE