Dous de cada tres internautas conéctanse á Rede máis de 10 veces ao día co smartphone

luns, 5 de xullo do 2021 S. P.

O 28% dos internautas usa máis de cinco dispositivos tecnolóxicos con moita frecuencia. Esta é unha das principais conclusións do novo estudo do observatorio estatal ONTSI (Red.es), que pon o foco, desta volta, nas tendencias no uso dispositivos na poboación española, facendo fincapé en cuestións relativas á transformación dixital, que mostra un claro aceleramento en indicativos como por exemplo o incremento de trebellos que empregamos para estarmos conectados. Neste senso, o smartphone sería un dispositivo universal, seguido da tableta, que utilizan catro de cada cinco usuarios de Internet e a Smart TV, cuxa experiencia de uso tivo case tres de cada catro internautas en 2020.
En canto aos dispositivos máis novos, destaca que o 23,9% de internautas maiores de 15 anos utilizou altofalantes intelixentes, un 16,9% probou un vehículo conectado a Internet, o 16,1% empregou algunha vez ou ten electrodomésticos conectados a Internet, mentres que o 12,2% tivo algunha experiencia con lentes de Realidade Virtual. De xeito “moi residual”, dise no estudo do ONTSI, “o 3,5% dos internautas utilizou roupa intelixente”.
O informe dá ao smartphone un gran protagonismo en relación a Internet, posto que dous de cada tres internautas conéctanse á Rede máis de 10 veces ao día utilizando este dispositivo. A frecuencia de conexión diaria a través do móbil é máis elevada entre as mulleres que entre os homes, igualmente tamén é máis frecuente entre os máis novos.
Ao falar das ferramentas e funcionalidades do smartphone, destaca con uso moi elevado a realización de fotografías (98,9%), a utilización de aplicacións de mensaxería instantánea (98,8%), procuras de información (98,7%), recibir ou realizar chamadas de voz (97,0%) e consultar mapas (94,8%). A menos habitual é a realización de pago co móbil mediante NFC. Aínda así, un 51% dos usuarios empregouno en polo menos unha ocasión. Ademais, a publicación de contidos en redes sociais é máis común entre as mulleres e entre os menores de 35 anos.
Doutra banda, o estudo tamén sinala que as descargas de aplicacións móbiles resultan xa algo habitual entre a poboación: o 98,7% de usuarios de smartphone e/ou tableta fíxoo polo menos nunha ocasión.

PUBLICIDADE