Dodro, Rianxo, Padrón e Rois achegan formación tecnolóxica a persoas desempregadas dos seus territorios

luns, 22 de agosto do 2022 S. P.

O Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Dodro, Rianxo, Padrón e Rois 2021/2022, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) segue coa súa actividade nestes meses de verán. Segundo veñen de lembrar dende o Goberno local de Dodro, o programa formativo e de capacitación (tecnolóxica, comercial, emprendedora, de autopromoción, de vendas, de trámites en liña, etc) está dirixido a 100 persoas desempregadas do ámbito territorial comprendido polos devanditos catro municipios, inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, e ten como finalidade “a mellora da empregabilidade dos/as beneficiarios/as a través da realización dun conxunto de accións para facilitar a súa inserción no mercado laboral”.
Ademais das entrevistas individuais de orientación e asesoramento laboral que se están facendo diariamente, nunha segunda fase realizáronse as seguintes accións formativas co obxectivo de mellorar o currículo e a empregabilidade dos usuarios:
-Curso de procesos e sistemas loxísticos, de 46 horas de duración, celebrado no Centro Social de Padrón, do 21 de xuño ao 1 de xullo.
-Curso de operacións básicas de caixa, de 15 horas de duración, celebrado no Centro Social de Padrón, do 4 ao 6 de xullo.
-Curso de promoción do traballo autónomo e emprendemento, de 15 horas de duración, na aula CeMIT de Padrón do 21 ao 26 de xullo.
-Curso de trámites on line para o emprego e o autoemprego de 15 horas de duración, na aula CeMIT de Padrón do 27 ao 29 de xullo.
Na actualidade estase impartindo na Casa da Cultura de Dodro o Curso de inglés para o turismo, de 60 horas de duración, que se iniciou o pasado 1 de agosto e rematou o 12 de agosto.

PUBLICIDADE