Docuten permitiu aforrar aos seus clientes máis de 30 millóns de euros en 2021

venres, 14 de xaneiro do 2022 S. P.

Brais Méndez, director executivo (CEO) de Docuten

A empresa galega Docuten, plataforma galega de dixitalización administrativa, fixo balance dos logros acadados no ano que vimos de deixar atrás, un período no que tivo oportunidade de xestionar dixitalmente máis de 10 millóns de documentos. Este labor, sinalou Docuten no seu balance, permitiu que as empresas clientes aforrasen máis de 30 millóns de euros ao longo de 2021.
En palabras da empresa, estes dous anos (2020 e 2021) serviron para constatar a importancia da dixitalización como factor decisivo de supervivencia, unha tendencia que foi a alza no último treito do período, ao comprobarse que a transformación tecnolóxica resultou ser crucial para mellorar a eficiencia dos procesos e garantir a operatividade dos negocios en remoto.
Este pasado ano, Docuten axudou aos seus máis de 350 clientes a automatizar procesos imprescindíbeis para o correcto funcionamento da operativa diaria dunha empresa grazas á sinatura dixital e á factura electrónica.
En total xestionou 10.720.002 documentos (fronte aos 8.5 millóns de documentos do 2020), entre facturas electrónicas emitidas e recibidas e documentos enviados a firma.
A automatización e dixitalización destes procesos administrativos xerou como dixemos un aforro nos seus clientes de máis de 30 millóns (fronte aos 19.5 millóns do 2020). Neste punto Docuten salienta que o aforro non afectou soamente no plano económico, senón que a empresa conseguiu que os seus clientes eviten máis de 2 millóns de horas empregadas en tarefas repetitivas, horas que os seus traballadores poden empregar noutras tarefas que acheguen valor de negocio.
Segundo a empresa e desde un punto de vista conservador (baixo a premisa de que cada un dos documentos tratados estaba constituído por única folla) os seus clientes conseguiron evitar o gasto de 97.552 kg de madeira (unhas 893 árbores), evitar a emisión de 7.075,20 kg de CO₂, (cantidade de CO₂ que emite un coche de gasolina de tamaño medio en aproximadamente 49.477 quilómetros), así como o uso de 107.200.020 litros de auga (cantidade gastada por 806 persoas en España cada día).

PUBLICIDADE