Doafund.com fai un chamamento solidario para axudar ao cada vez maior número de familias en risco que acubilla

martes, 30 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

Estamos xa en pleno verán, unha estación que para moitos é motivo de ledicia e relaxación e para outros unha verdadeira condena. Por exemplo, para todas aquelas persoas, familias ou grupos sociais que saen adiante, en boa medida, apoiándose na solidariedade dos demais. O problema, de feito, é que en verán os solidarias escasean máis ca nunca, en parte porque é período de vacacións para unha boa parte deles, en parte porque a súa actividade en liña decrece. Disto son perfectamente conscientes os promotores da web Doafund.com, que, como lembraremos, diríxese a crear comunidade para apoiar (patrocinar, apadriñar) as familias en risco de desafiuzamento dos seus fogares. Pois ben, segundo nos contan, o seu servizo vai contar en breve con máis familias para apoiar (logo dun esforzo importante de identificación de novos fogares en risco), pero isto non vai atopar correspondencia con máis patrocinadores. De feito, estes meses son os de menor recadación. Polo tanto, fan un novo chamamento solidario na Rede.
Dende Doafund”, sinalan, “estamos un pouco preocupados, xa que o mes de xullo foi, con diferenza, o mes de menor recadación (lóxico tendo en conta as vacacións de verán), o que pon en perigo o que se poida axudar a todas as familias, algunhas nunha situación crítica”. Unha mostra da baixa recadación de xullo é que, por primeira vez, tiveron que facer uso do fondo común para completar a cota de dúas familias, xa que non alcanzaran o seu obxectivo no prazo marcado. Segundo nos explican Fernando Sierra e Luis Jiménez, responsábeis do servizo, “é certo que a devandita é a función do fondo común, pero de aumentarse as axudas en agosto posiblemente este sexa esgotado, e isto podería supor que en setembro algunhas das familias non conseguisen pagar as súas cotas, coas consecuencias que isto podería ter”. Emporiso, tal e como dixemos, piden máis que nunca a colaboración da comunidade internauta, co fin de que os posíbeis voluntarios lles boten unha ollada ás familias en risco, arestora en campaña, e vexan as súas necesidades básicas e a situación de ameaza constante na que están a vivir.
Como lembraremos, a iniciativa Doafund.com foi posta en marcha por dous galegos (Fernando Sierra e Luis Jiménez) para habilitar na Rede un acubillo onde apadriñar fogares en risco de desafiuzamento, sobre todo por mor do labor incansábel dos bancos (en boa medida culpábeis, de xeito paradoxal, de que agora moitas familias estean nesa situación).
Doafund.com non é exactamente un servizo posto en marcha por unha ONG, senón unha mestura de moitas cousas diferentes, achegando un carreiro a seguir para outras iniciativas semellantes que, sen renunciar ao beneficio económico, traballen ao mesmo tempo, declarada e notoriamente, a favor da sociedade. Estamos pois ante un híbrido entre empresa, ONG anti-crise e comunidade 2.0, que bota man da metodoloxía para xuntar forzas nas redes: a metodoloxía do crowdfounding.

PUBLICIDADE