DivulgACCIÓN convida aos seareiros da ciencia e a tecnoloxía a participar na súa segunda xuntanza anual

xoves, 11 de xullo do 2013 Redacción

DivulgACCIÓN -Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica- celebra este venres o seu segundo encontro anual, tal e como avanzamos hai uns días dende Código Cero. A xornada servirá para intercambiar experiencias e boas prácticas no eido da divulgación científica galega, amais de para renovar a xunta directiva da asociación e aprobar os orzamentos e o plan de actividades para o vindeiro período. O evento, aberto ao público xeral agás as asembleas xeral e extraordinaria, celebrarase a partir das 17 horas na Casa das Asociacións de Cornes, no barrio compostelán de Conxo. A xornada comezará ás 17 horas cun intercambio de experiencias e exposición de boas prácticas no ámbito da divulgación da cultura científica e tecnolóxica.
A continuación, de 18.30 a 19.15h, celebraranse as asembleas xeral e extraordinaria, limitadas aos socios. E, finalmente, de 19.30 a 20.20h, terá lugar un relatorio-debate a cargo do xornalista Manolo Gago arredor de sete propostas de acción para a cultura científica.
Segundo nos conta punto por punto a Asociación, o primeiro bloque da xornada centrarase na exposición de catro experiencias de éxito no ámbito da divulgación científica en Galicia. Marcus Fernández, webmaster de Código Cero e colaborador da Radio Galega e de Radio Coruña, falará sobre os doce anos da publicación sobre novas tecnoloxías en galego Código Cero. Clara Brea exporá, como membro do comité organizador, a experiencia do I Congreso Internacional de Observadores de Nubes, celebrado en 2012 en Sarria e que reuniu a especialistas en diversas disciplinas como a meteoroloxía, a fotografía, a música, a astronomía, etc. arredor do mundo das nubes. Pola súa banda, o profesor da Universidade de Vigo Luis Navarro falará de como unir ciencia e arte a través do seu proxecto de divulgación da ecoloxía Divulgare, utilizando vídeos de animación, animacións flash e unidades didácticas con actividades. Por último, Francisco Domenech, desenvolvedor de contidos nos Museos Científicos Coruñeses, falará da súa experiencia como divulgador a través da Web 2.0. Para clausurar o encontro, convidouse ao xornalista Manolo Gago, director do portal Culturagalega.org, para que imparta unha conferencia arredor do post Sete propostas de acción para a cultura 2013, que se adaptou para a ocasión como Sete propostas de acción para a cultura científica. Logo, abrirase un debate entre o público asistente e o relator.
Como dixemos, aproveitarase o marco desta xornada para celebrar a asemblea anual da asociación, na que se exporá un informe sobre as actividades realizadas, aprobaranse as contas anuais e debateranse novas propostas de acción para o vindeiro ano. A continuación, darase paso a unha asemblea extraordinaria convocada para a renovación da xunta directiva da asociación.

PUBLICIDADE