Diversa Technologies, INFONET e Compostela Monumental impóñense nos Premios PEL 2022 da Deputación da Coruña

xoves, 28 de xullo do 2022 S. P.

A Deputación da Coruña celebrou na tarde deste mércores 27 de xullo, no Teatro Jofre de Ferrol, a gala da V edición dos Premios PEL, uns galardóns cos que a institución recoñece cada ano as mellores empresas, asociacións e clúster empresariais da provincia e aposta polo desenvolvemento económico, a innovación e a transformación. Os premios recaeron nas firmas tecnolóxicas compostelás Diversa Technologies e INFONET e máis na asociación de empresarios Compostela Monumental. Recoñeceuse con accésits o proxecto cultural AcercArte de Ferrol, a empresa Equipos Lagos, con sede no polígono de Bergondo, e a asociación de empresarios Agrela da Coruña.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, presidiu o acto de entrega dos galardóns e asegurou que “estes premios recoñecen o talento e a innovación das pemes e persoas autónomas da provincia”.
O acto estivo conducido pola presentadora Paula Vázquez e contou coa asistencia do vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsábel da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato e o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos representantes do mundo empresarial e asociativo da provincia da Coruña.
No acto, Valentín González Formoso destacou “a calidade” das 62 candidaturas que este ano concorreron ao certame nas diferentes categorías, facendo fincapé en que son "unha excelente mostra do enorme potencial que ten a provincia para continuar innovando, apostando polo talento da nosa xente e liderando a creación de proxectos empresariais de éxito".
Diversa Technologies S.L. recibiu o premio na categoría de mellor iniciativa empresarial nova. Esta spin-off biotecnolóxica compostelá, nacida no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), é prestadora dun servizo innovador no transporte das moléculas. Un equipo de 14 persoas dirixido por María de la Fuente soubo aproveitar o talento formado en Galicia para desenvolver unha tecnoloxía pioneira no mundo no eido da bioloxía molecular e a nanomedicina, que, segundo salientou a Deputación, “está a xerar importantes avances terapéuticos e abrindo novas esperanzas e vías de investigación en eidos como a oncoloxía, as enfermidades metabólicas ou as autoinmunes”.
Pola súa banda, Informática e Networking Compostela S.L.U. (INFONET), resultou galardoada na categoría de mellor iniciativa empresarial consolidada. Trátase dunha empresa compostelá de servizos e solucións tecnolóxicas, especializada en computación na nube (cloud computing), consultoría IT e sistemas. Ademais, segundo salientou a Deputación da Coruña nestes galardóns, é a primeira provedora de nube dixital privada 100% galega e conta cunha política de RSC arraigada. INFONET foi fundada por Rafa Villaverde, que apostou para a súa materialización polo talento local para crear solucións tecnolóxicas de vangarda desde Galicia.
Na terceira categoría, a Asociación de Comerciantes, Empresarios e Profesionais Compostela Monumental recibiu o premio a mellor asociación empresarial, “polo seu labor dinamizador do comercio local, o turismo e o patrimonio da zona centro de Santiago ao longo de 30 anos, pola infinidade de proxectos levados a cabo, así como por todos os logros e fitos acadados tanto a nivel nacional como internacional”.
Como novidade, nesta quinta edición as bases reguladoras dos Premios PEL estableceron a posibilidade de que o xurado concedese accésits aos segundos clasificados de cada categoría por importe de 5.000 euros cada un.
O xurado, “debido ao alto nivel das candidaturas presentadas”, decidiu outorgar accésits en todas as categorías, concretamente ás seguintes entidades:
A ferrolá Eva Cayetana Somolinos Olmo co seu proxecto cultural e empresarial AcercArte recibiu o accésit na primeira categoría por “tratarse dunha idea empresarial innovadora na que se combina arte, música e pintura fusionadas coas novas tecnoloxías, ofrecendo unha experiencia sensorial diferente á sociedade”.
Pola súa banda, a empresa familiar Equipos Lagos S.A., integrada por un amplo equipo de máis de 170 profesionais con presenza en 26 países que desde o Polígono de Bergondo exporta solucións de pintura e tratamento de superficies para o sector aeronáutico, do automóbil, do ferrocarril, das enerxías renovábeis e da industria en xeral, recibiu o accésit na categoría de empresa consolidada)
Na categoría de mellor asociación empresarial o accésit recaeu na Asociación de Empresarios de Agrela, o parque empresarial máis antigo de Galicia, “pola súa traxectoria, pola súa envergadura (xa que acolle a máis de 555 empresas), polo impacto na súa área de actuación e a posta en valor do polígono que lle dá nome”.
Neste acto tamén tiveron cabida recoñecementos para os xornalistas e medios de comunicación que “contribúen a difundir o potencial económico de Galicia e das súas empresas”. Este ano foron galardoados Julián Rodríguez, director de Economía Digital Galicia e Gonzalo Cortizo, director de El Diario.es Galicia e adxunto ao director de El Diario.es.
Durante o evento, ademais de proxectarse vídeos de todos os proxectos empresariais que recibiron recoñecemento e todas as persoas asistentes tiveron ocasión de desfrutar da música en directo da banda Black Bigstage e do humor do monologuista e guionista de La Resistencia, o ferrolán Danny Boy-Rivera.

PUBLICIDADE